No Centro Xove queremos aproveitar o bo tempo para acoller dúas iniciativas que nos chegan da man de 7HCoop e de Kokedama Colectivo. Ambas forman parte das propostas priorizadas pola xente nos Orzamentos Participativos, e servirán para encher de arte este espazo marabilloso que temos na Almáciga!
Elas Tamén Pintan e Obradoiro de Kokedamas
Co firme obxectivo de que fagades o centro voso e de respaldar as iniciativas que pretenden visibilizar e recoñecer ás artistas locais e ás mulleres na historia da arte urbana, propoñemos unha batería de actividades de balde que non podedes deixar pasar. Terán lugar a partires desta mesma semana e durante o mes de xullo.
Co Elas Tamén Pintan as artistas de 7HCoop darán un repaso á imaxe exterior do Centro Xove da Almáciga, decorando fachada gris actual cunha obra fermosa que reivindique o noso compromiso pola Igualdade. Nas redes sociais iremos informando de como queda a cousa! Tamén lanzan varios talleres formativos de arte urbana que vos permitirán intervir nos diferentes muros do centro. Deixade a vosa pegada no espazo para sempre!
Por outra banda, Kokedama Colectivo propón unha xuntanza o día 11 de xullo nunha intervención para humanizar os espazos interiores do centro. Só teredes que traer unha planta da casa e moita ilusión por axudarnos a construir un Centro Xove renovado no que sentirnos coma na casa. Esta proposta está aberta a toda a familia, non a deixedes pasar!
Xenial! Onde podo informarme/inscribirme?
Nesta ligazóns podedes obter máis información e apuntarvos ó Elas Tamén Pintan ou ó Obradoiro de Kokedamas. Animádevos a participar, porque van ser experiencias ben fermosas e formativas… e son totalmente de balde!