Coñeces os novos cursos do Centro Xove da Almáciga?

No equipo do Centro Xove da Almáciga estamos entusiasmados pola resposta masiva á nosa primeira programación, que acadou un cheo total en todos os cursos grazas á vosa implicación. Sodes unha marabilla! E, para que vexades que o noso compromiso non decae en ningún momento, hoxe por fin presentamos a nosa segunda programación!

Descobre os novos cursos do Centro Xove

Tal vez xa saibades que todos os nosos cursos son de balde grazas ó apoio do Concello de Santiago de Compostela a través de Concellaría de Mocidade. Insistimos nisto porque preguntáchedes moito polo asunto: non, non tedes que pagar nada de nada polos cursos! Tamén importante: os cursos parten do voso nivel, co que non hai problema por ser principiantes na disciplina que sexa!

Con todo, e ante a elevado número de inscricións, é fundamental que teñades en conta que os cursos comezarán o vindeiro luns 24 de abril, rematando o venres 23 de xuño. Comprobade os horarios antes de solicitar a inscrición, que non mola nada o de apuntarse e logo non vir. Non o fagades, pois imos estar moito sobre iso desta volta… que nós tamén aprendemos moito con cada programación!

Descrición, horarios e docentes dos cursos

Cómic

Descrición: se desexas entrar no mundo da ilustración e banda deseñada, esta é a túa proposta! Partimos do nivel inicial, abordando as nocións que sacarán o contador de historias que levas dentro, repasando técnicas e claves para elaborar os teus propios proxectos no futuro.

Horarios e docente: luns de 16:00 a 18:00; imparte Xosé Tomás.

Escultura para principiantes

Descrición: sempre quixeches comezar na arte da escultura? Pois no Centro Xove temos un curso para ti! Traballaremos moldes, materiais elementais e técnicas para fabricar as túas primeiras pezas, coma sempre partindo do nivel máis básico.

Horarios e docente: luns de 18:00 a 20:00; imparte Adrián Taracido.

Expresión vocal

Descrición: queres empregar a voz coma medio de expresión artística e lanzarte a cantar? Entón non podes deixar de apuntarte á nosa proposta de formación vocal, na que recibirás nocións de canto partindo do teu nivel de dominio na disciplina.

Horarios e docente: martes de 18:00 a 20:00; imparte Pablo Ferradás.

Escola de animación (cut out)

Descrición: para amantes da produción de curtametraxes realizados grazas á técnica da animación, que levaredes a cabo partindo de cero e con materiais do máis común. Unha oportunidade única de formarse nesta disciplina!

Horarios e docente: mércores de 16:00 a 18:00; imparte Rebeca Weladora.

Como non escribir unha novela

Descrición: na meirande parte dos cursos de escritura repasarás técnicas clave para mellorar a túa técnica. Nesta proposta dámoslle a volta a iso seguindo a liña de Sandra Newman e Howard Mittlemark, achegándonos ós erros habituais cando escribimos a nosa primeira novela.

Horarios e docente: mércores de 18:00 a 20:00; imparte Silvia Barbeito.

Expresión corporal e teatro

Descrición: comprender o mapa do noso corpo e as posibilidades que ofrece á hora de expresarnos é algo marabilloso. Por iso ofertamos esta proposta orientada a persoas interesadas polo mundo do teatro, profundizando nun apartado moi específico da súa técnica de forma divertida e partindo de cero.

Horarios e docente: venres de 16:00 a 18:00; imparte Fabiana Gastaldello.

Descubrir a fotografía

Descrición: facer unha fotografía é pechar os ollos e soñar. Nesta aula traballaremos nas nocións elementais que todo fotógrafo precisa adquirir, sendo ideal para as persoas que desexen explorar o seu talento tras a cámara. Importante: este curso require que dispoñades dunha cámara réflex.

Horarios e docente: venres de 18:00 a 21:00 (+4 saídas do Centro Xove); imparte Fuco Reyes.

Xenial, quero apuntarme! Como teño que facer?

O primeiro: lembrade que podedes inscribirvos en tantos cursos coma desexedes (sempre que logo veñades!) e que o prazo remata o día 31 de marzo ás 23:59. Para facilitar o proceso de inscrición, só teredes que cubrir un formulario en liña nesta ligazón… e xa está! Despois diso, os técnicos da Concellaría de Mocidade entrarán en contacto con vós para informarvos de todo.

Se tedes algunha dúbida podedes utilizar o formulario de contacto ou chamarnos, que estamos encantados de axudar. E, por suposto, agradecemos moitísimo que compartades esta información polas vosas redes sociais para que chegue a máis xente! Graciñas!!

Comenta o que queiras

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s